Oza dos Ríos
Nun terreo duns catro ferrados e medio (no bordo dun lugar no rural, con lixeira pendente, e boa orientación e asoleamento), pedíasenos unha casa maiormente en planta baixa, confortable, e de uso doado.
A edificación fragmentouse en volumes que reducisen a escala da súa presenza, e rematasen a fachada do lugar; Pechouse ó norte, e abriuse ás orientacións máis favorables, protexéndose do sol no verán, pero abríndose a el no inverno.
Procurouse combinar estética e eficiencia enerxética, con contras móbiles nas fachadas, co uso de enerxías alternativas, e con medios pasivos de eficiencia, como un deseño axeitado, bos illamentos, e a correcta ventilación. Materiais tradicionais como a pedra, foron empregados de novos xeitos, con paneis prefabricados.